CAXIGUEIRO. Mercedes Rozas

“Temo a un mundo sen valores, sen sensibilidade, sen reflexión. Un mundo en que todo é posible. Porque entón o que se converte no máis posible é o mal”
Ryszard Kapuscinski

Unha parte importante da existencia do XX descifrouse a través da arte. Conciliar este coa vida foi un recurso vehicular que se foi axustando a contextos históricos, mentres se aproximaba a realidades concretas. A creación plástica actuou de confidente tanto do cercano como do distante, foi a voz en off de causas imposibles e tamén a alteridade dunha sociedade que en determinadas épocas –adulterando unha reflexión de Jean Clair– poderíase dicir que “xa estaba morta antes de estar morta”. A historia do século pasado ofreceu aos creadores duros argumentos para involucrarse e fixérono debuxando os horrores dun campo de concentración, construíndo ensamblaxes en particulares Merzbau ou pintando en grises o drama dunha guerra. Son moitas as obras de arte que cicelan as páxinas da nosa memoria.

Pero a trama da violencia e a sen razón non se detén, continúa activa e belixerante, rediviva en Bagdad, Kabul, Lhasa… non hai moito en Sarajevo, Kosovo, Nova York. Recelando do mesmo mundo que temía Kapuscinski, Caxigueiro catalizou nas propostas dos últimos anos a impotencia e a rabia ante a barbarie e o desatino, vomitando sobre a arte a responsabilidade da denuncia. As súas pezas claman en silencio un berro contido. Só a poesía é muda compañeira:

“Baixo as cinzas
aínda medran os soños.
A sombra da lúa
pecha os teus ollos
e en Sarajevo
a memoria escribe nos silencios”

Os versos enténdense coas construcións plásticas porque o espírito e a materia forman parte da mesma sensibilidade; uns e outras condensan o mesmo trasfondo humano, as mesmas inquietudes, nacen do mesmo desacougo. Aqueles Guerreiros de principios dos anos noventa iniciaron un capítulo implicado, o do compromiso. Despois viría a serie Europa: terapia puntual, funestos nichos que interpelan ao espectador nunha alegoría interpretada por iconografías actuais; metáfora na que se presente a idea da morte; o esqueleto ou a caveira protagonistas da Danza macabra renacentista personificados agora pola declamación do contemporáneo. Igualmente, A linguaxe da memoria, O bosque das ausencias e Xeografías manteñen o fío temático do social, suscitan reflexións e aportan interrogantes. A vida e a morte entrecrúzanse continuamente na súa obra, conviven loitando “nun mundo onde todo é posible” e rematan dando rostro ás súas propostas. ¿Pervive o triunfo efémero da vida ou quizais se impón o inquebrantable da morte? Para Méndez Ferrín: “O artista é aquel / que se resiste á morte”; Caxigueiro chama unha e outra vez coa solidez das súas mensaxes á resistencia.

Se estas propostas inician un diálogo con situacións lonxanas como a guerra dos Balcáns ou a de Irak, o autor aprópiase de igual forma dunha problemática próxima e deixa que sobre a arxila asomen acontecementos que afectan ao medio ambiente como os embarrancamentos do Mar Exeo, o Casón, o Polycomander, o Prestige…; de igual xeito comprométese con presupostos que denuncian abertamente e sen andrómenas os excesos da sociedade capitalista, unha sociedade que pon no seu punto de mira confrontándoa coa do terceiro mundo. A relación entre arte e natureza e arte e conflitos bélicos son unha realidade no exercicio estético de hoxe en día, que advirte da necesidade de estar atentos a esa testemuña que fai visibles os desastres ocasionados polo home e que, en non poucas ocasións, se minimizan en pura retórica no día a día dos medios de comunicación.

Neste ámbito a plástica tamén se detén no territorio veciño, no que habitamos, o mesmo onde a especulación inmobiliaria moldea a nosa paisaxe cun sistema exasperado de usurpación. É un motivo que foi proxectado en O rapto da paisaxe, unha instalación na que se consegue dar a idea de agobio construtivo. Cada un dos bloques, localizados sobre un aparatoso andamio, mantén a súa personalidade grazas á arlita, material cerámico que dá rugosidade á superficie, matizando texturas e ratificando a idea de anarquía absoluta no urbanismo actual.

Os despotismos, os abusos, as inxustizas, os atentados contra todo tipo de liberdade do home son delatados sen ningún pretexto panfletario. A obra fala a través de elementos visuais que suxiren pero non describen, que escorregan percepcións pero non revelan abertamente pensamentos. Son xuízos que se intúen na estrutura das pezas e que, nalgún caso, se ven respaldadas pola linguaxe escrita. Palabras, versos, poesía… son cómplices dunha actuación que impacta polo humanismo entendido na súa acepción filosófica– que irradian. A verdade é unicamente insinuada, para que o espectador a complete identificándoa a través dunha experiencia estética. É a mirada de quen contempla a que remata por consumar a fisionomía da realidade, un proceso de intelixencia que ante as gastadas botas de Van Gogh suscitou en Heidegger todo un mundo de sensacións.

As pezas que se expoñen son froito do traballo destes últimos anos, do período comprendido entre 1990 e 2007, algunhas foron amosadas noutros espazos e, sen embargo, no ámbito acoutado no que agora se poden apreciar, nacen novamente, reafirmando a súa individualidade e a súa posición contra calquera asomo de homoxeneización. Foi na modernidade cando a escultura deixou de ostentar os valores que se supoñían inamobibles desde Fidias a Rodin, rompendo así con alicerces históricos de séculos de vixencia. Desde entón, tan importante como a produción do artista é o espazo que a habita e a envolve. Xa non é abondo ver o lugar como simple contador de creacións, agora contador e contido mimetízanse na mesma acción, e cada novo espazo representa sempre un novo encontro.

Por outra banda, sería difícil circunscribir este discurso a un enunciado determinado porque a trayectoria de Caxigueiro marcou a personalidade de cada obra. A cerámica, xa nos primeiros pasos dos setenta, deixou de responder a coordenadas ligadas á artesanía; moi pronto a capacidade creativa foi desprazándose cara a campos nos que confluía a escultura, nunha extensión axiomáticamente contemporánea, coa instalación. Estas intervencións teñen na actualidade un carácter teatral, un procedemento que reformula, tal e como apunta Rosalind Krauss, a idea “da empresa escultórica”, xa que “a escultura se nutre da sensación de que o que a escultura era, non abonda, porque se funda nun mito idealista”. Sen dúbida, os límites expandíronse aportando un novo alcance interdisciplinar a esta práctica artística.

Parece posible neste punto entrever a distancia deste creador e dalgúns dos seus compañeiros de xeración cos de Atlántica. Creo que é esa idea aberta á complicidade con outras disciplinas plásticas e demais ramas culturais a que os separa do grupo de Baiona, grupo que asumiu nos anos ostenta a rexeneración da arte en Galicia desde un fundamento histórico, o das chamadas vangardas galegas. Para aportacións como as de Caxigueiro a orixe de partida é a propia posmodernidade e a súa proximidade a outros rexistros vén dada pola relación coa literatura ou a música, chegando a implicar mesmo no debate plástico o contido crítico social. Esa trama interdisciplinar enriquece a composición e xera unha serie de viabilidades que pouco ou nada teñen que ver con grafías pasadas.

As instalacións neste novo espazo, illadas de calquera contaminación allea, musicalizan o silencio que se xera ao seu redor. Ese elemento integrador impón sixilo e austeridade, mentres se infiltra como unha substancia estética máis na obra. O silencio camiña implícito no verso, adhírese á pel dos materiais e atopa a morada perfecta para sobrevivir nestas creacións, escapando do ruído da globalización.

Un silencio que tampouco non se rompe nas fotografías de bodegóns que baixo unha aparencia amable, unha coidada composición, unha tonalidade suxestiva e a limpeza impoluta da imaxe, fustigan sen piedade, fiscalizando as inxustizas da nosa época.

Nesta estratexia preocupada por formular preguntas a través da creación, volve ser a poesía, na voz de Caxigueiro, a que esgrima o último berro de queixa:

Nin a dor da alma
nin a indignación
nin a poesía
van impedir a tolemia
a limpeza consentida
nin que todos sexamos cómplices
da historia que se está a escribir
coa morte dos nosos corazóns.

Mercedes Rozas. Catálogo “5 Visións desde os ’90”. Ed. Concello de Ferrol. 2008