A INTERPRETACIÓN ÉTICA DO DRAMA. Alberto González-Alegre

É costume que nas interpretacións dos dramas colectivos ou que atixen á colectividade que se fan desde as artes, tanto visivas como literarias e musicais, os autores establezan unha arquitectura épica que serve como rede firme dos acontecementos referidos e como vértebra ou canle que outorga homoxeneidade ós procesos simbólicos. Pero as pezas e intalacións de Caxigueiro –xa veremos como son e non son unha mesma cousa- xorden dunha interpretación ética, están elaboradas desde unha posición poética que fai que os seus espazos zumeguen algo así como o aire do inevitábel. Todo é máis complexo, claro, e máis aberto a sentimentos diversos como corresponde a obras de evidente compromiso contemporáneo, pero nas intervencións de Caxigueiro –nas que o chan, metáfora da terra, sempre xoga un papel fundamental- habitualmente sobrevoa unha poética da inevitabilidade, un fondo de tristura de indiscutible raíz poética.

E non hai poesía sen home, sen home e sen individuo. Precisamente a dimensión antropolóxica compón unha constante no traballo de Daniel. Non resulta extraña para o espectador das súas instalacións a sensación de estar fronte a un conxunto de pezas descubertas máis que creadas, fronte ó resultado dunha paciente –tamén máxica e cargada de abraios- investigación arqueolóxica. Sabemos que alguén foi quen situou as pezas nos seus lugares exactos; pero é xustamente iso, o sentimiento de exactitude, o que nos desborda, porque se trata dunha exactitude moito anterior a nós, unha disposión precisa outra volta cargada de inevitabilidade. A remisión ó tempo, conforma entón outra evidencia e outra constante.

Remisión ó pasado remoto, mesmo ó pasado incógnito (sempre o latexo do factor poético), pero pasado tamén sempre compartíbel e, polo tanto, referidos á nosa actualidade. E así sería mesmo se ollásemos estas pezas fóra dos museos ou das galerías, fóra dos lugares que xa remiten a conceptos de contemporaneidade. Penso ineludibelmente en Roger Garaudy cando fala da arte como un proxecto que trascende e suplanta á realidade existente mentres que ó mesmo tempo ofrece un coñecemento fundamedental desa realidade: “Ser realista non significa imitar a imaxe do real…, senón participar no acto creador nun mundo en evolución, descubrir o seu ritmo interno”. A arte, un proceso inserido no contorno.

Individuo e contorno. Non sen falta de razóns, algúns críticos describen a existencia de dous tipos de manifestacións artísticas, as que afectan á conciencia individual e as que se refiren á conciencia colectiva. Estas últimas, aínda partindo dunha premisa idéntica á das primeiras –dar unha mensaxe e/ou establecer un diálogo- requiren do noso intelecto unha disposición ética, moral e, por conseguinte, social. Pero para chegar a esa disposición ética non é preciso en termos estritos aludir a Bosnia, a Chechenia ou ó tratado de Schengen, nin tampouco esquecer que, no caso de existir un ente chamado conciencia colectiva, ésta estaría formada pola diversidade individual. Por iso a dupla estrutura de excluíntes non serve para o caso das obras de Caxigueiro, nin entendidas desde o punto de vista metafórico nin olladas desde a estrita formalidade.

A súa obra esténdese no físico, unha mestura de terra, aire e luz, de xeito que amplía a naturaza e o carácter dos obxectos e do todo que conforman. Baixo a incerteza configurativa propia do traballo coas arxilas, procesos cuxo control nunca é total, o dramatismo de Caxigueiro é tamén consecuencia dunha busca de conxuntos equilibrados constituídos por pezas de contrinxida vida propia. Así resulta na serie “Guerreiros”, na que os individuos pesan directamente sobre o chan, e aínda máis nas diversas estruturas de “Europa”, terapia puntual”, nas que os valores minimalistas das celas de ferros potencian o constrinximento e forzan a metáfora do drama.

Amante rigoroso da investigación conceptual nos procesos previos así como da exactitude formal nos acabados e nas montaxes, a práctica totalidade das súas instalacións teñen unha orixe argumental e unha resolución poética: en “Saír-Modificar” (1992)2 fora o tema da mudanza da paisaxe galega coa inclusión de elementos externos (a palmeira que os indianos trouxeran reinterpretada en grandes grans de café e fotografías espalladas dos propios indianos); na instalación sen título que expuxera na galería Bacelos (Vigo) 1994 fora un estudo sobre a descontextualización, mesturando imaxes fotográficas e fragmentarias dun pobo asolagado dos Pirineos e un sumidoiro real de ferro, imaxe que o autor utilizara como suxeito simbólico e que serve de continuum interpretativo dentro da instalación.

Noutras montaxes o seu comportamento resulta máis extremo. Dunha banda, como sucede en “Diálogo fragmentado” (1993)3, vólvese hermético e insinuante recorrendo a atrís, fotografías, espellos e fotocopias, “nun marco onde manda a poética e a plasticidade”; doutra banda, en “O bosque das ausencias” (Galería Clérigos, Lugo, 1996), con referentes icónicos sumamente compartíbeis e unha linguaxe sen arroutos, pretendía, dito coas súas propias palabras “achegarme a un colectivo máis amplo dun xeito máis físico, máis cercano… A idea de provocar reflexións sobre a violencia e sobre o familiar que, sen querer, nos resulta a guerra, foi o que motivou o nacemento, primeiro dun poema:

Hai un bosque de imaxes

onde medran os silencios

Baixo as copas

o murmurio das follas

fala das ausencias.

e logo da instalación”. Unha parte destas últimas imaxes e tensións dramáticas eran reinsistencias dalgunha das pezas que constituían a súa xa lembrada serie “Europa, Terapia Puntual”.

Instrospección e silencio. Asombros de acotío que incrementan as ausencias. Hai un Caxigueiro anterior a este que entre 1980 e 1990 se move no territorio da cerámica artesá; hai unha ruptura seca que devén do repensar o traballo –vida e que para el supón un descubrimento e unha catarse radical. Foi a sorte que fixo que o día anterior, o da necesaria ou sen cuestión posible orixe artesá, non delimitase o día. Se aqueles días anteriores fosen, efectivamente, días logrados, chegarían é obvio, os tremores da noite. Pero os días logrados virían xusto despois. Aquela tímida instalación feita na galería Sargadelos de Santiago en 1990, que este mesmo catálogo reproduce, foi a súa caída camiño de ¨Damasco; alí sucedeu a descuberta do espazo, o convencemento da condición substancial e enerxética dos materiais, o recoñecento da capacidade alusiva da arte que inmediatamente habería de instrumentalizar. Que hoxe mesmo as propostas de Caxigueiro estean entre as máis interesantes da escultura galega non fai senón confirmar que aquela breve experimentación supuxera unha catarse ben alimentada e cunha absoluta carga de verdade.

1. A incorporación de recursos de estirpe minimalista, tanto na concepción íntegra das montaxes canto nas particularidades dos elementos en si, reforzan sabiamente os contidos narrativos das súas obras, sexan instalacións ou sexan “pezas de taller”, que é o termo que Caxigueiro utiliza para diferencialas.

2. ”Saír-Modificar” foi exposta no verán de 1992 dentro daquel fermoso proxecto que fora urxencias e que aquel ano,terceiro e último da serie, se subtitulou Un espacio a revisar. Moaña, Xullo-Agosto 1992.

3. “Diálogo fragmentado” presentouse na grande exposición colectiva (oito mostras históricas itinerando por Galicia) que foi Trazos e Camiños, promovida coa ocasón do acontemento xacobeo de 1993.

4. Lembrando a Peter Handke e a Fernando Castro Flórez.

Alberto González-Alegre. Catálogo “Caxigueiro”, Ed. Galería Bacelos. Vigo 1997