CAXIGUEIRO. Antonio Garrido Moreno

Trala súa formación no mundo da cerámica durante a década dos oitenta Caxigueiro, en 1989, amplía o seu horizonte plástico con propostas nas que incorpora novos materiais e técnicas. Ao mesmo tempo decide abordar proxectos máis complexos nos que a instalación, a intervención de espazos específicos e a obra efémera terán unha importante significación na súa obra.

Unha constante presente na súa produción é a utilización da linguaxe plástica como un medio de comunicación ao servizo da defensa das culturas minoritarias, das agresións que a diario se realizan contra as liberdades, a protección ao medio natural e a denuncia dos abusos de poder.

O antibelicismo é o “leit motiv” temático dun discurso que é o reflexo dun final de século convulso no que o mundo se une e atomiza, indistintamente, dando lugar ao oportunismo de determinados poderes que con tal de manterse orixinan exterminios humanos e culturais. Caxigueiro como artista do seu tempo non permanece alleo a esta situación inmersa na construción dunha sociedade multilingüe, pluricultural e sincrética.

Xa desde comezos da década dos noventa o encontro fortuíto cun material de refugallo –os dentes gastados dunha escavadora– orixina unha forma modular que terá un gran futuro na súa produción, especificamente nas series “Guerreiros” e “Europa terapia puntual”. Na primeira delas a dita forma, nunha reiterada e uniformada seriación, aludirá aos múltiples exércitos opresores constituídos por individuos anónimos en diferentes zonas do planeta.

“Guerreiros” supón desde o punto de vista formal a implicación da cerámica nunha linguaxe contemporánea conceptual, produto da unión de aspectos contrapostos expresionistas e minimalistas.

Con “Europa terapia puntual” o desenvolvemento do discurso gaña en matices xa que a forma primaria do “guerreiro” encontra a súa morada nunhas construcións modulares simples realizadas en chapa de ferro a modo de nichos ou expositores que amplifican o contido conceptual da opresión e a morte, unha formulación que entronca co sentido expresivo do artista parisino Christian Boltanski. A restrición cromática dos materiais, a seriación e o xogo establecido entre a luz, a materia e o baleiro, ademais de conferir misterio ás súas instalacións dótaas dunha singular beleza agridoce de dualidade antagónica que se materializa entre o táctil da forma e a forza da mensaxe conceptual.

De maior calado será a serie que iniciará en 1995 baixo o epígrafe de “O bosque das ausencias” na que Caxigueiro expande a súa concepción escultórica cara a un fértil diálogo coa arquitectura e o contorno paisaxístico. Son esculturas pensadas para que o espazo circundante sexa tamén parte intrínseca do conxunto da obra a través dos recursos da repetición, a luz e das posibilidades de ser transitada. Neste proxecto a escultura, o espazo e o espectador convértense nunha unidade indivisible que fan máis intenso o discurso e máis contundente a aparencia física do proxecto.

Centenarias vigas de madeira que aluden á tradición cultural sosteñen cabezas cerámicas distorsionadas e deformadas polo terror dunha agresión, converténdose na referencia
dos contornos oprimidos.

Noutras obras da mesma serie os opresores ofrecen a visión dos seus arrepiantes rostros iluminados por sinistras pantallas de luz que permiten amosar toda a crueldade que agachan. O forte compoñente escenográfico desta serie permite ao escultor investigar con novos recursos como a luz como elemento propio da instalación, os novos materiais e as posibilidades de intervención do espazo circundante.

“Xeografías” nace cunha dobre vocación formal e conceptual. Dende o punto de vista plástico a fusión de linguaxes faise máis presencial xa que Caxigueiro amplía a súa proposta con novos materiais, pinturas e con pequenos textos. A pintura faise presente con leves grafismos que semellan perfís orográficos ou gráficas vitais que miden o pulso da marcha da humanidade. A súa obra faise paisaxística. Unha vinculación tan intensa coa terra que a maior parte das súas instalacións se conciben utilizando o chan como soporte ou con planos a modo de ménsulas suxeitas á parede. Conceptualmente o proxecto universalízase ao non establecer unha denuncia de casos concretos, para o artista calquera punto xeográfico é susceptible de ser ameazado polos intereses de calquera desalmado que xurda abandeirando calquera pretexto ideolóxico, étnico ou relixioso.

A instalación máis representativa da serie “Xeografías” consiste nun número indeterminado de montículos cerámicos de diferentes alturas, decapitados nos seus cumios por un limpo corte horizontal. A meseta superior serve de superficie para gravar os nomes de distintos lugares xeográficos. Cada forma contén unha inscrición e disponse illada respecto ao resto creando unha paisaxe desposta sobre o chan.

A evolución de “Xeografías” materialízase na serie “A linguaxe da memoria”, unha agrupación de estruturas móviles e fixas que incorren dunha maneira presencial no contorno. Para iso elixe unha forma que ten a súa orixe nos libros calcinados que xa foran exhibidos uns anos antes, aludindo ás bibliotecas destruídas pola barbarie da guerra dos Balcáns e que agora se universalizan ao gravar neles os nomes de distintas cidades do planeta.

Os ditos libros, todos distintos en formatos, texturas e matices cromáticos, disporanse no chan coidadosamente ordenados en disposición reticular, ou ben amoreados en estruturas de ferro –fixas ou móbiles– onde se intenta poñer de manifesto a destrución cultural e ao mesmo tempo o desexo dos pobos de tratar de recompoñela. Caxigueiro con este discurso intervén o espazo da igrexa do Mosteiro de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, cunha instalación que conseguía unha total empatía entre os muros centenarios do templo gótico, amplificando a súa intención e desexo de comunicar.

Dentro do seu discurso antibelicista, en 2000, tamén realizará instalacións cuxas referencias formais se inspiran nos obstáculos que durante a primeira e segunda guerra mundial se dispoñían sobre o territorio próximo ás trincheiras. “Trala luz” utiliza unha base realizada en cerámica que serve para soster dúas táboas cruzadas rematadas en punta que xeran un campo que dificulta o paso ao espectador.

Tamén novidosa é a serie “Camuflaxe”, formulada con pezas de parede e chan, e de claro discurso proteccionista da natureza. Nestas obras prescinde da cerámica como material e inclúe obxectos vexetais transformados convenientemente, aludindo ao Povera. Fragmentos de árbores ás que se lles extrae a cortiza son pintados con cores de camuflaxe militar. A natureza camúflase para protexerse das actitudes depredadoras do home cara ao contorno.

Na exposición retrospectiva de escultura que realiza no Centro Torrente Ballester de Ferrol, en 2002, amosa un grupo de obras nas que formula unha reflexión sobre as falsas aparencias que facilitan o equívoco nas nosas apreciacións impedíndonos tomar decisións acertadas para superar as dificultades. A disposición de útiles destinados á práctica do deporte do atletismo –valos para as carreiras de obstáculos–, convértense en trampa dolorosa que impide o desenvolvemento e a evolución normal do “xogo” da vida.

Neste mesmo ano presenta a instalación “Xornadas gastronómicas”, na galería Pardo Bazán da Coruña. Tres grandes mesas similares ás que se utilizan nas “feiras” galegas énchense de tapas formadas con pratos de cerámica industrial e libros, tamén cerámicos, mutilados e chamuscados. Unha cultura escrita minoritaria que sucumbe perante as enchentas populares que se organizan en todo o territorio galego de forma xeralizada e institucionalizada.

A adaptación a un espazo específico é unha das cualidades de Caxigueiro. Neste sentido é interesante a instalación que realiza, en 2004, para o Museo Provincial de Lugo na que se serve das ruínas dun camiño romano existente no chan da sala de exposicións. A proxección en vídeo do dito camiño sobre o que se inclúe a palabra “Palestina” a carón dun corazón en proceso de descomposición, fai alusión ao longo camiño de loita mantido en oriente medio. A proxección enfróntase co camiño real existente na sala na que unicamente queda depositada a palabra do país en litixio, potenciando o esquecemento de tantos anos de degradación.

Actualmente desenvolve a serie “O rapto da paisaxe”, un alegato contra a feroz especulación inmobiliaria que se está producindo na “Mariña” lucense que, ata hai poco, mantiña a súa estrutura rural tradicional harmonicamente coa paisaxe. Un andamio de máis de dous metros de altura serve como contedor de varias casas de formigón e cerámica expandida (Arlita), que se dispoñen caoticamente ao seu redor, invadindo o espazo da sala de exposicións, aludindo á ausencia de plans que regulen unha construción anárquica que degrada o medio paisaxístico. Igualmente lle interesa a denuncia dos desastres ecolóxicos no medio mariño ocorridos nos últimos anos, aspecto que reflicte en obras de clara concepción mural nas que unha seriación de placas cerámicas cos nomes de diferentes barcos sinistrados fan referencia aos nomes das embarcacións desaparecidas e aos restos de produtos derivados do petróleo que se adhiren ao ecosistema natural, degradándoo.

Antonio Garrido Moreno. Catálogo “5 Visións desde os ’90”. Ed. Concello de Ferrol. 2008